viernes, 23 de septiembre de 2011

Pecha A nosa terra

Semella que non vai pasar un día sen que teñamos que falar dalgún medio que pecha ou ao que lle pasa algo. De verdade que este non era o obxectivo deste blogue, pero hai que facelo.

O outro día falabamos do peche de Xornal.com (aínda sen data oficial) e hoxe temos que facelo do da edición dixital de A nosa terra. A edición impresa desapareceu este mesmo ano.

Afonso Eiré, director do xornal dixital, explica no artigo Centro catro anos despois, un novo até logo que este peche non vai ser definitivo, se non que "o proxecto agarda renacer no futuro".

Deseño de Francisco Leiro co gallo do primeiro centenario de A Nosa Terra, no 2007

Como di o propio Eiré no seu artigo, este será o cuarto peche da empresa (os tres anteriores foron en 1908, 1932 e 1936), que "non ten por que supor a desaparición do proxecto, pois non é unha aposta empresarial, senón un proxecto de país".

Pero non só supón un golpe ao xornalismo galego, tamén ao panorama cultural, xa que co peche da empresa editora (Promoción Culturais Galegas, S. A.) tamén queda cercenada a producción e distribución literaria na nosa lingua. Di Eiré que dende 1977 editaron máis de 1.200 libros.

As razóns do peche son tan previsibles coma vagas: "problemas económicos". Estes problemas deixan na rúa a un número indeterminado de traballadores que cada vez atopan un panorama máis escuro. Incluso hai casos de traballadores que aínda non cobraron o que se lles debe, coma esta queixa dun ex traballador no Facebook:
Despois de máis dun ano de extorsións, mentiras, falacias e rumoroloxía falsa que moitas e moitos se creron neste País....chegou o día. Menos vitimismo e menos agradecementos a colaboradores/as, suscritores/as, accionistas e traballadores/as, a boas horas señor Ex-director...!!! Que se lle pague xa o que se lle debe aos/ás traballadoras e que volva pronto A Nosa Terra, efectivamente, pero sen os directivos que nesta xeira levaron ao semanario e á Editora a ruína. O de que non era un proxecto empresarial que llo pregunten a Jacinto Rey. Semella que os únicos que o entenderon así foros os propios responsábeis da empresa durante este tempo, non os traballadores, nin a maioría de colaboradores/as, nin boa parte dos/as suscritores/as, que aguantaron o que puideron até que que o desprezo foi tan grande que non lles quedou máis remedio que pasar do proxecto..
Máis alá das queixas dos traballadores e dos lamentos do director, o certo e que a pluralidade informativa e a presenza do galego nos medios en Galicia é cada día menor.

Independentemente da ideoloxía, da xestión ou da xente que a leve, persoalmente téñolle moito cariño a esta cabeceira e gardo unha edición facsímile das primeiras épocas na miña casa, xunto con A Fouce e algunha outra máis.

Coma no caso de Xornal.com, ánimo e sorte para os compañeiros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario