Basicamente todas as diferenzas que se poidan comentar parten de dúas que son puramente estruturais: O soporte e o tempo. Así dito, pode resultar unha obviedade, pero as súas ramificacións deixan de ser triviais para converterse en condicionantes fundamentais á hora de traballar.
En versión esquemática son as que se ver na seguinte táboa:
Para non facer esta entrada demasiado longa, hoxe imos debullar as relativas ao soporte. Noutro post falaremos das impostas polo tempo.
O soporte é o máis evidente pero tamén o principal elemento diferenciador entre xornalismo tradicional e novo xornalismo. Coma no caso da radio e da televisión, o soporte condiciona a forma na que se transmite a mensaxe. Non é o mesmo redactar para un medio impreso que para un medio web (de como escribir para web falaremos outro día).
A principal diferencia radica no espazo dispoñible. Mentres que no papel a limitación é máis que evidente, en internet é virtualmente infinito. A repercusión é importante dado que permite que teñan cabida novas que doutro xeito quedaría fora. Tamén permite textos máis longos, pero non é recomendable extenderse demasiado, xa que o lector de internet é menos paciente ca o do papel. E, si, sei que esta entrada é longa de máis.
Outra consecuencia de ter un espacio practicamente ilimitado é a profundidade. Ao non supor un incremento no custe, nos medios de internet téndese a facer seccións e subseccións de prácticamente todo. Así, podemos chegar a ter unha árbore deste estilo:
Portada > España > Galicia > Pontevedra > Vigo > A nova que estamos a ler
A posibilidade de relacionar contidos entre si tamén é unha diferenza importante. Nos medios impresos as únicas posiblidades de relacionar contidos son:
- Gráficamente, empregando cintillos, filetes e caixas, por exemplo. O lector xa os ten interiorizados, polo que son sinxelos de interpretar, pero, salvo no caso do cintillo, restrinxen a relación a unha páxina.
- Con encartes como fai, por exemplo, La voz de Galicia cas edicións locais. O maior problema deste método é que é moi caro, polo que non se emprega salvo en casos moi concretos.
Nos medios de internet hai máis liberdade e máis posibilidades:
- Unha ligazón no texto serve para enriquecer a nova, pero hai que ter en conta que non é recomendable abusar das ligazóns se non queremos que o lector se perda.
- As cabeceiras de especiais dan unha unidade de imaxe á nosa nova, mentres que permite ofrecer outros contidos da mesma temática. É o equivalente aos cintillos do papel.
- Tamén podemos empregar módulos destacados que axudan a contextualizar e aportar información que non ten por que estar no texto (datos biográficos, resultados dunha enquisa, a ficha técnica dun partido).
- As migas de pan ou breadcrumb, na súa denominación anglosaxona. É a ruta que indica as seccións ás que pertence a páxina na que estamos. Como exemplo, pode valer o posto máis arriba para mostrar a profundidade dun medio web.
- As etiquetas e categorías. É unha das aportacións dos blogues aos medios de comunicación. Serven para que o usuario poida consultar páxinas nas que se almacenan outros contidos dunha temática concreta (ordenados cronolóxicamente e non xerárquicamente) e que non teñen por que estar directamente relacionadas ca nova que estamos a ler.
A profundidade da que falabamos máis arriba ten o problema de complicar a xerarquización da información. O mesmo contido pode pertencer a máis de unha sección (unha nova que fale sobre o rescate de Grecia pode ir en economía e en internacional, por exemplo), algo impensable nun medio tradicional. Ao ter máis portadas e contidos que poden estar en varias desas portadas, a xestión das mesmas complícase. É unha das razóns polas que a tendencia é facer portadas cada vez máis longas. A outra é o SEO (Search Engine Optimization), ao que tamén lle adicaremos algo de espazo neste blogue.
A última diferenza das que imos falar hoxe é a posibilidade de enriquecemento dos contidos. Nun xornal podes completar unha nova con imaxes, infografías e pouco máis, como despieces ou resultados de enquisas. Nunha web as posibilidades son ilimitadas: gráficos interactivos, audios, vídeos, fotogalerías, enquisas (non só os resultados), imaxes estáticas... por non falar da posibilidade/obrigatoriedade da edición edición continua dos contidos, incluso a súa eliminación. No papel nada de esto é posible: o que se imprime, impreso queda. Para sempre.
Continúa en Diferenzas entre o xornalismo tradicional e o xornalismo web (II)
No hay comentarios:
Publicar un comentario