lunes, 10 de octubre de 2011

Diferenzas entre o xornalismo tradicional e o xornalismo web (II)

O outro día falabamos por aquí das diferenzas entre o xornalismo tradicional e o xornalismo web centrándonos únicamente nas estructurais, esto é, as que parten do soporte. Hoxe, tal e como prometemos o outro día, falaremos das impostas pola diferenzas na xestión do tempo duns medios e doutros.


Do mesmo xeito que no caso do soporte, o tempo, ou a súa xestión, deriva unha serie de vantaxes e problemas para o papel e a web.

Os medios dixitais sofren de urxencia, que, como iremos vendo, é o maior condicionante de todos. A urxencia é para os xornalistas o equivalente do "dispara primeiro, pregunta despois" dos vaqueiros das películas. Importa máis o cando se publica unha nova que o como a publicas. Ou dito doutra forma: hai que sacala noticia, como sexa, aínda que só teñas un párrafo, que xa a ampliarás (unha das vantaxes impostas polo soporte). No papel esto non sucede. Os tempos de traballo son moi diferentes e non se está na obriga de publicar contido novo cada pouco tempo.

Esta urxencia da web fai que as novas non se podan contrastar todo o que se debería. Ao ter un ritmo máis pausado, o xornalista de papel pode traballar cos seus contactos, elaborar a súa axenda, saír á rúa na procura de testemuñas, comprobar datos... Na web é imposible. Non hai tempo para case nada que non sexa ler as axencias e publicar, publicar e publicar de novo.

Con todo o dito, xa podemos imaxinar que a edición dos contidos é considerablemente mellor nos medios tradicionais que nos dixitais, aínda que nin así estea libre de erros. Ademáis de ter moito máis tempo para elaborar a información, no papel existe a figura do editor que revisa o escrito polos redactores e corrixe ou advirte dos erros. Nas webs non existe tal figura (polo menos en España) e os redactores non teñen ocasión de revisar ou refacer o escrito.

Ao mesmo tempo, esta urxencia que é tan negativa para o desenvolvemento do traballo dos xornalistas, é unha vantaxe á hora de informar. Non hai que esperar a mañá (nin, xa postos, ao seguinte informativo de radio ou televisión), para ter información. E este é o grande problema que ten o papel e a razón pola que nos medios tradicionais sintan unha considerable aversión polos medios dixitais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario